Campaiñas trimbadoras

Dúas rapasas jallejas jallejas…

Sen categorizarArchive for the ‘’ Category

(Quedou en) “Nove”, María Lado.

Xuño 21, 2012

así doe novembro
así doen as moas apretadas contra ti, coma un barco,
unha traxedia para un pobo,
ou o recordo dun membro fantasma. doe
porque non te das ido aínda que marcharas,
e non hai bálsamos para o baleiro dun amputado.
nin sequera doses xustificadas de codeína
contestan as miñas mensaxes.
nunca preguntas.
por min. nunca preguntas por min.
así doe a praia na que nos coñecemos.
toda ela cábeme espesa nos petos do abrigo
e entérranse as mans entre as cunchiñas, facéndome cortes.
sabes que sangro polas mañáns?
pequenos cortes invisibles que deixou todo o que vén despois da marea.
así doe novembro,
e máis.
inmenso.
onde o mar rompe contra as rochas
novembro doe inmenso.
ali é onde máis manca
que non che sexa
nin sequera un recordo.

 

Este poema pertence ao poemario de María Lado: “Nove”, que nun principio ía ser chamado “Novembro” pero quedou pola metade en nove. Como a poetisa o define un endemoniado libro dos seus desvelos nas noites do verán pasado.

É un poema que fala do desacougo de habitar un país como unha que navega ao lombo dun cetáceo ferido.

En canto ao meu parecer neste poema María Lado fala de Novembro. O mes no que comeza o outono e a rutina do traballo e olvidarse do verán. Un verán cargado para ela de momentos felices que viviu co seu amor. Mais xa non está. Quedou soa. Novembro doe porque xa non hai compaña, nin días soleados para disfrutar da praia. A marea leva consigo todo e mais. Acaba cos pobos e fai feridas case invisibles pero dolorosas. O mar é violento.

Neste poema apreciamos unha expresión moi apaixonada. Algo para sentir e non para buscar significado. Non atopamos adornos o que fai que sexa directo pero sen chegar ao vulgar. Percíbese que as palabras agochan o seu mundo.

Todos a través do que dicimos agochamos parte da nosa vida. Tamén o mes de novembro é feo. O verán xa quedou demasiado lonxe, e os amores vánse, como o fai o bo tempo que nos levanta o ánimo. Os recordos marchan da memoria… xa non os damos recuperado. Queremos que pase dunha vez ou que non pase nunca. Algo se estanca en novembro. Tal vez sexa o comezo do inverno. O frío, que arrepía os corazóns. Fainos de pedra, sen sentimento.

As feridas, os cortes son profundos. Doen cando intentamos lembrar algo bo, e por un intre sentímonos mal. Mal,  por non poder dar marcha atrás no tempo. Mal, por non conseguir que as personas ás que quixemos nos lembren. Mal, porque xa é novembro.

O país da memoria, María do Cebreiro.

Xuño 21, 2012

O país da memoria

República das almas

que marcharon

coa cabeza ben alta

ao pé das nosas mans.

A vida tamén

sabe de fronteiras.

Pero os mortos non viven

porque nós os lembremos,

non viven nin no fume

nin nas urnas

nin na madeira podre

nin no cal das paredes

nin no amor.

Viven en por si

e xúlgannos

e non ditan

o noso pensamento,

senón os nosos actos.

 

Este poema pertence ao libro Non son de aquí de María do Cebreiro e esta adicado a seu avó.

O poema centrase na gran pregunta que sempre se fixo o ser humano son: “a onde vamos? ”.

A onde vamos? A república das almas perdidas. Ao lar onde esas persoas, cuxas vidas xa se foron, van a parar logo de sair do noso mundo,vidas que nunca volveremos a ter entre nós. Ás veces esa persoa, á que se lle marcha a alma, é unha persoa moi querida para ti. Cando iso ocorre o normal é que mundo se che veña enriba, que non teñas ganas de nada máis que de que che volva a falar, que che volta dar un bico, mesmo a berrar, todo che lembra a ela e arrepínteste de non a haber tratado da maneira que ela o merecía.

Pero iso é imposible, sabes que iso nunca pasará e sénteste impotente. Esa persoa nunca espertará dese soño eterno. A vida tamén sabe de fronteiras. Fronteiras nas que ter papeis non vale de nada. Podes ser o rei do mundo que se pasas a fronteira xamais voltarás.

Esa persoa non voltará por moito que penses nela, por moito que o desexes. Os mortos, mortos están e o único que che queda por facer é pensar nos bos momentos que pasaches con eles. Non fai faia que lle merques flores, non fai falta que pagues para que estea ao carón dun “Deus”. Os mortos non viven porque nós os lembremos pero vale máis lembrarse de corazón deles, pensar nese bos momento, mesmo falar só pensado que esta el ao lado, ca todas esas sandeces que lle se lle soen facer a esas persoas que xa non están con nós.

As súas almas están alá, véndonos, xurgándonos. Controlando cada movemento que reproduce o noso corpo. Quizais é iso o que envidian, non voltar ter un corpo. Ou quizais están cheos de ledicia vivindo nun mundo no que “superficial” é só unha palabra dentro dun diccionario.

 

 

Lina Iglesias pérez.

Entrevista a MERCEDES SEIJO.

Xuño 17, 2012

 

Como vos dixemos temos máis entrevistas preparadas. Desta quenda tócalle a Mercedes Seijo, unha gran xornalista do noso concello gañadora do premio de Xornalismo Gastronómico do Galo de Curral. Sen máis demora aquí vos deixamos a entrevista.

-Bos días Mercedes. Como foi que te quixeches adicar ao xornalismo?

Primeiro grazas por pensar en min para ser a vosa entrevistada para o blog! Pois dende moi pequena sempre me gustou moito escribir…para o colexio facía moitísimas redaccións e tiña unha profe que sempre me felicitaba…quizais por aí comezou o gusanillo de querer estudar xornalismo.

-Cal foi a primeira vez que o concello de Vila de Cruces te chamou para presentar un dos seus eventos? Como reaccionaches?

A primeira vez foi para presentar o II Crucesarte, no ano 2009, foi unha inmensa alegría para min porque era o primeiro evento destas características que presentaba e porque que o meu concello se acordara de min para algo tan importante encheume de orgullo.

-Antes de traballar na TVG que outros traballos xornalísticos realizaches?

Mentres estudei a carreira realicei dous períodos de prácticas, o primeiro no 2005 no departamento de deportes da TVG. Foi o meu primeiro contacto co xornalismo audiovisual , ademais os deportes encántanme polo que foi unha gran experiencia. As segundas prácticas foron na Radio Galega nun programa musical que se emitía as fins de semana “Extrarradio” , aí coñecín o mundo da radio que é apaixoante e grazas a esas prácticas conseguín o meu primeiro traballo nesa mesma emisora radiofónica. O programa chamábase “As Quimbambas” e sempre o recordo como unha das mellores etapas da miña carreira profesional. Era un magazine que se emitía polas tardes , todo o equipo formaba unha gran familia e pasabámolo xenial traballando. A tódolos compañeiros daquela etapa téñolle especial cariño.

-O traballar no mundo do xornalismo abrangue coñecer persoas moi coñecidas a nivel galego. Cal foi a persoa xunto á que traballaches coa que che fixo maior ilusión?

Desa época da radio que vos comentei na anterior pregunta coñecín a un dos presentadores actuais do programa A Solaina da TVG, Sevi Martínez. Unha persoa que disfruta traballando e contaxia ós que están o seu redor. Compartín traballo con moitos profesionais da TVG e da Radio Galega e de todos aprendín algo, Carlos Amado, Xesús Peleteiro, Irene Lamas, Alberto Mancebo, Beatriz Manjón, Belén Regueira…e moitos máis que non son coñecidos porque non saen diante da pantalla pero que realizan moitísimo traballo por detrás…. é unha gran ilusión compartir traballo tódolos días con eles. Tamén foi moi bonito presentar xunto a David Amor unha das galas do concello de Vila de Cruces.

-Sabemos que colaboraches con varios programas da TVG, pero cal foi o que máis che aportou para a túa carreira?

Esa pregunta é moi difícil…jeje…non podería escoller…A Revista foi a miña primeira etapa na TVG e na que aprendín a realizar reportaxes, foi unha bonita etapa…no Bos Días Magazine presentei por primeira vez unha sección en directo.. e iso axudoume moito para agora realizar o traballo de reporteira…todos e cada un dos programas polos que pasei me aportaron algo para cada día realizar mellor o meu traballo.

-Temos escoitado que moitos traballadores da TVG utilizan o galego no traballo pero non o fan na rúa. É certo? Porque pensas que non se desenvolven na súa vida cotiá no noso idioma?

Non é así exactamente…hai de todo..presentadores que empregan o castelán na súa vida cotiá e outros que o fan en galego.. En xeral cada un emprega a lingua na que foi educado, os que seus pais lle falaron galego dende o berce seguen conservando ese idioma na súa vida cotiá.

-Gústache desenvolver o teu traballo en galego ou sénteste mellor en castelán?

Eu prefiro traballar en galego porque sempre o fixen así e porque é a miña lingua, e a que me falaron na miña casa dende que nacín. O galego é moi bonito e hai que defendelo para que sempre estea aí con nós e para que os nosos fillos o sigan falando.

-Que supuxo para ti recibir o premio de Xornalismo Gastronómico do Galo de Curral?

Unha gran sorpresa e un gran orgullo…Nunca pensei chegar a recibir un premio grazas o meu traballo e cando mo dixeron no mo podía crer.. Sempre intentei levar por diante o meu concello en cada un dos distintos traballos que tiven e que cho recoñezan é unha gran ilusión. Agradezo moitísimo os membros do xurado por lembrarse de min.

-Prefires traballar como presentadora ou como reporteira?

É difícil escoller as dúas son moi bonitas..pero agora mesmo son moi feliz na rúa traballando como reporteira. É un traballo moi gratificante, coñeces a infinidade de xente, moitas festas e moitísimos lugares fermosos por toda Galicia. Eu estou encantada!!

-Desexámosche todo o mellor e que che agarden infinidade de bos traballos e grandes recoñecementos xa que o teu despegue está sendo espectacular. Un bico e grazas por participar con nós.


Carlos Gende.

Xuño 15, 2012

O próximo venres 22 teremos a sorte de ter ao mesmo Carlos Gende no festival de fin de curso do IES Marco do Camballón. Sería unha boa idea facerlle unha entrevista pero hai falta de tempo e entre as entevistas que xa estamos a piches de colgar e os exames sentímolo pero outra vez será. De todos xeitos aquí vos deixamos unha entrevista que atopamos no youtube.

http://www.youtube.com/watch?v=bNRe02Jjl34

Recordarvos que o Clube da Lingua tamén esta a realizar un libriño chamado Lingua, Sexo e Rock&Roll,  recopilando textos tanto de alumnos, ex-alumno, profesorado ou xente recoñecida a nivel galego coma Belén Regueira ou O Leo i Arremecaghona. Este libriño poderédelo mercar no IES xunto ao CD deste ano.

 

A escoitar música galega melemdreques.

O kurdo, miña vida.

Maio 26, 2012

20 de Abril de 1992

Chámome Yady son unha rapaza de Efrîn de 10 anos. Vivo nunha pequena casa con meus pais e meus irmáns: Aske, Ado, Agah e Jiham. Aske é miña irmá maior, ela vive co seu marido e seus 5 fillos cos non teño trato. Ado é o irmán maior ten 16 anos e é un tonto porque non me deixa facer o que quero. Agah ten 8 anos e ándame ensinando a escribir. Con el é co mellor me levo e o único que me deixa xogar. Jiham é o pequeno. Ten 2 aniños e está seguido a chorar.

27 de Abril de 1992

Non tiven moito tempo para escribir. Ado andaba moito pola casa e como me vexa… Non o quero nin imaxinar. Onte fun con miña nai ao mercado. Non compramos moitas cousas, só o xusto. Mamá dí que non nos sobran os cartos. Hoxe fixen o de sempre (As camas, a comida, lavei a roupa…) Papá pilloume cantando en Kurdo cando lle daba a comida a Jiham. E mandoume sachar á horta, e petaba o sol… Se o chego a saber quedo calada.

15 de Agosto de 1992

Ado agachoume o caderno. Levaba sen saber del unha boa tempada. Tiñao metido debaixo da cama. Inocente…como se eu non me ocupara da limpeza! Dende finais de Xuño traballo na casa da Señora Abu-Dehen. Ela fala árabe. E non me deixa decir nin unha palabra en kurdo. Eu é o único que sei, asique ensíname árabe. Non me gusta, prefiro o kurdo. Mais ela dí que está prohibido.

23 de Agosto de 1992

Meus pais queren que marche con meu tío para Sam. Seica hai máis traballo para rapaciñas coma min, novas e guapas. Asique creo que teño que agachar ben o caderno para que por unha tempada non mo atopen.

 

 

3 de Setembro de 1997

Mira ti por onde, seguías na almofada na que te gardara. O pasmón de Ado xa botou muller. Ten doce anos. Pobre dela…aínda non sabe cociñar. Menos mal que eu me fun por unha tempada, senón xa estaría casada. Agah estudia e de momento vaille moi ben. Jiham tivo varicela. Está cheo de costras de tanto rascarse. Papá anda pachucho. Ten dores de costas. Por iso volvín. Para axudar a mamá.

10 de Setembro de 1997

Atopei traballo no quiosco da esquina. Aínda que a meu pai non lle gusta moito, dalgunha maneira habrá que traer cartos á casa. Estou coñecendo moita xente. Sobre todo a clientela habitual. Hai un americano, que sempre me bota piropos. Pero eu esto na casa non o conto.

13 de Setembro de 1997

O papá empeora. Creo que non ten arranxo. James, como se chama o americano, convidoume a unha festa. Pero mamá non está moi dacordo. Asique quedarei na casa. Agah deixa os estudos e comeza a traballar co gando do veciño. Non gana moito, pero axuda.

18 de Setembro de 1997

Papá morreu. Non sei que vai ser de nós.

24 de Novembro de 1997

James invitoume a un café. E recibin unha grata noticia. Fun invitada ao cóctel que organizan seus pais para celebrar o ascenso de seu pai no banco. Mamá anda polos chao. Aínda non se recuperou do duro golpe, da morte de meu pai. Imos tirando.

27 de novembro de 1997

A festa foi un desastre. Todo o mundo ser ría de min por falar Kurdo.  Tiven sorte de que de James fora compresible e estivese sempre ao meu lado. Saímos da festa e fumos dar unha volta. El non coñecía o kurdo. Expliquille que eu sempre o falara pero só na casa. Aínda non entendo moi ben porque non o podo falar fora. James díxome que se ía informar que lle parecera unha lingua moi fermosa.

2 de decembro de 1997

Estiven investigando con James e díxome que o kurdo non era unha lingua oficial e que estaba prohibida. Non  o entendo. Como pode estar prohibida unha lingua? James convidoume a o Karaoke esta noite. Agardo que mamá me deixe ir.

3 de decembro de 1997

Fun ao karaoke. Non había nin unha soa canción en kurdo. James díxome que tiña unha voz preciosa. Conseguiu que me puxera vermella cando dixo que me axudaría a que alguén atopase  o meu talento.

 

 

 

5 de xaneiro do 2002

Estou nas Américas. Aquí sí que podo falar na miña língua. Ísto gústame. Peter é un axente que me sacou das miñas terras para que triunfase como cantente. E vaia se o estou a conseguir!                                                                                                                                                                        James e eu estamos a manter unha relación seria. Vainos moi ben. Non temos intención de volver para Efrín. Meus irmáns teñen vidas propias e miña nai non quere saber nada de min dende que ando a defender o Kurdo e o papel das mulleres na sociedade.

 

 

14 de xullo de 2007

James e eu estamos comprometidos. Parece que estou a vivir un soño. A miña carreira musical vai moi ben, e en Kurdo. Aquí en América non paran de decir que é unha língua moi fermosa. Meu futuro marido quere que eduquemos aos nosos nenos en Kurdo, que falen a língua na casa. A voda será en Outubro.

 

7 de maio d0 2012

Teño dúas nenas. Cinco anos e dous meses. A maior xa fala Kurdo e inglés, a pequena anda a decir as súas primeiras palabras en Kurdo. Cántolles as cancións que compuxen anos atrás para que durman.                                                                                                                                                Agah o meu irmán pequeno veu vivir para as Américas. Ten unha muller e pronto casarán. De mamá xa non sei nada dende que me dixo de todo por facer o que quería ca miña vida.                                                                                                                                                                                    Non podo pedir máis. Teño a vida que sempre desexei.

Só espero que o Kurdo se poida falar sen prohibicións en Irán.

Amores prohibidos 2.0

Maio 6, 2012

Mejuto é o típico rapaz educado en castelán por pais galegofalantes, aínda que el non o queiras admitir. Todos os seus amigos falan castelán. Parécelle que os galegos falantes son uns cabestros e uns pesados con iso de que hai que falar galego.

Coma el por Galiza hai mileiros de rapaces máis. Cuxos pais se avergoñan da súa lingua nai  e fan que o seu fillo pense que é unha lingua bulgar.

Mejuto sempre falou castelán, e seus amigos non ían ser menos. Pero fai pouco levou unha sorpresa. Un dos seu mellores amigo, Romero, fala galego na casa e apartires de agora tamén o falará na súa vida cotiá.

Para Mejuto foi un golpe duro. “Y si ahora todos se vuelven gallegistas?”. Ao final rematará el falando tamén galego? Vemos que o protugués xa se anima.

http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=JffVrBPMydk

“Eu quero estar namorado de você!”

 

Melendreques, deixovos o enlace da novela, realmente vale a pena lela:

http://redenasa.tv/es/amores-prohibidos/?a=true

Entrevista a DAVID AMOR.

Abril 25, 2012

1-Sabemos que te criaches en varios sitios. Pero onde realmente “paciches” foi en Ferreirós, Vila de Cruces. Que che enseñou esta terra, ou de que maneira te namorou para sentirte mais dela que de ningunha?

Foron distintas cousas, dende pasar moito tempo alí, a natureza, a miña
familia e a súa forma de ser… O máis importante que me queda de toda esa
aprendizaxe penso que é a miña fala.

2-A túa practica do deporte foi moi variada. Sabemos que probaches diversas especialidades. Que foi o que te levou a decantarte polo
balonmán?

Pois non o sei a verdade, son de esos camiños que vas tomando na vida sin reflexión, e ó final acabas quedando nun sitio.
3- Como descubriches que eras bo para o humor e o espectáculo?

Iso fan cho ver os demáis, ou cando che pagan por iso claro, hahaha. Me
gustaba e facíao, pero non pensaba que fose nin bo nin malo, me gustaba e
punto.

4-Participaches en diversos programas para a televisión de galicia. Supoñemos que de cada un, colliches unha miguiña para formarte como artista. Pero, cal foi o que máis che aportou?

Penso que “O rei da comedia”, por ser o primeiro, e por ser o que
despertou en min esa posibilidade de poder adicarme a ese mundo de maneira
profesional.

5- Ao parecer, non compaxináches ben o mundo do espectáculo e o deporte. En que ámbito te sintes  mellor?

Ben, ben non, pero si que tiven a sorte de poder simultanealo. Escoller?
Por qué? Se non o fixen non seu momento non teño porque facelo agora,
hehe.

6-Ao traballar para a TVG, supón que o teu idioma laboral e o galego. Asique non é de extrañar que se che note o noso acento tan característico. Atopáches trancas cando traballaches en ámbitos nacionais? Cerróuche portas o falar galego?

Para nada, cada un ten o seu acento e xa está, o importante é o talento
non de onde es.

7-Cal é a túa palabra en galego favorita? Con que palabras engaiolas ti ás mozas?

Xa o teño pensado varias veces, e non teño ningunha en especial, gústame o
idioma en si. Para engaiolar procuro poñerlles cancións de Xabier Díaz
(pero non digades o meu segredo eh!!)

8- Sínteste orgulloso de ser galego, falar á lingua ou tes prexuízos?

Creo que é un pouco tonto sentirse orgulloso de ser de ningures, máis que
nada porque non o escolles ti. Pero si que penso que tiven sorte de ser de
aquí, estou namorado de esta terra e penso que isto xa contesta a túa
segunda pregunta.

9- Está moi visto que nas grandes cidades o galego é bruto e feo. Cando viviches en cidades como Santiago, Pontevedra ou A Coruña empregabas o galego ou outro idioma?

Falo no que me falan, teño a sorte de saber varios idiomas e ter a
capacidade de adapatarme a distinto contextos.

10- Estivémonos informando na túa páxina web, onde falas un pouquechiño da  túa vida e carreira profesional. Porque elexiches o galego para contala?

Porque a fixen nun momento que o meu ámbito de traballo só era Galicia, e
despois por vagancia xa quedou así, hehe.

11-Dende que “El club del chiste”non se emite perdimos un pouco a túa traxectoria. En que proxectos andas sumerxido? Teñen algo que ver con difundir a lingua  galega?

Pois estou preparándome para ser actor, e despois sigo cos meus
espectáculos de humor polos teatros, que sempre procuro que sexan por
Galicia os máis posibles e por suposto en galego.

12- Esperámos que che agarden numeroso éxitos e reconocementos. Poderíanos dicir que é o que non hai que olvidar xamais cando un é famoso, e fale o idioma que sexa?

Non sei se non hai que olvidar algo ou si, porque realmente ti non
cambias. Ser famoso non che fai ser mellor persona, o único é que o ve
máis xente, e si cambia como te ve a xente.

 

Melendreques…un pouquechiño de información do humorita galego David Amor!

Era certo.

Abril 16, 2012

Nunca vos pasou que vos contaron cousas que por moito que che dixeran que eran certas ti non pensabas que existiran, que eran raras excepcións, que a ti nunca che ía pasar iso… Pois iso mesmo foi o que me pasou a min.

Aproveitando estas vacación de Semana Santa, fun a Santiago mercar algunhas cousiñas cunha amiga. Chegado o momento de pagar unhas camisolas, mentres a dependenta mas dobraba e as metía nunha bolsiña, comezou a falar cunha coñecida súa, en galego. Ata ese intre todo normal mais cando me tivo que decir o prezo que me tocaba pagar dixo claramente: diecinueve con noventa y ocho. A min, a verdade, chamoume un pouco a atención mais pensei que escoitara mal, cousa que non era certa xa que logo de eu darlle os cartos e ela a min a volta dixo: Muchas gracias! O que me afirmou que me falaba realmente castelán.

Ao saír da tenda fun matinando sobre ese feito. Obrigaríanlle a falar castelán no traballo? Pensaría que non entedo o galego?Comenteillo a miña compañeira, ela tamén se dera conta e se decatara do acontecido.  Polo que chegamos á conclusión de que a dependenta puido pensar que eramos da cidade.

Este feito aínda me fixo pensar máis. Todos os santiagueses falan castelán? E aínda que así fora, non entenden o galego? Non son de Galicia? Non llo aprenderon na escola? Ou mesmo seus avós?

 

Nomes e apelidos en galego!

Abril 16, 2012

Aquí vos deixamos os que son para nós os nome e apelidos máis fermosos en galego, máis o seu significado:

Nomes:

Alexandre                                        Grego: Home que defende algo, defensor, que rexeita o inimigo.

Antía                                                  Grego: Tirada, sacada das flores.

Antón                                                Grego (a través do latín): florido.

Aroa                                                   Xermánico: Boa, de boa vontade.

Claudia                                               Latín: Da familia Claudia, coxa.

Ledicia, leticia                                Latín: Grande alegría.

Lois                                                     Xermánico: Famoso na guerra, ou sabio no combate.

Noa                                                     Hebreo: Repouso.

Xoan, Xan                                         Hebreo: Deus é propicio ou misericordioso.

Xoel                                                     Hebreo: Iavé é Deus.

 

Apelidos:

Bouzas                                               De “bouza”, terreo inculto ou monte baixo.

Brañas                                               De “braña”, pasto ou panasco de alta montaña.

Mouriño                                           Do topónimo “Moure”, que alude ao nome “maurus”, habitante do norte de África ou                                                                              Mauritania.

Ribas                                                 Do topónimo “Ribas”, beira ou ou banda de terra que bordea un río, un lago ou o mar.

Xil                                                      De probábel orixe francesa (Gil, Gille, Gilles), que se expandiu por toda Europa na Baixa                                                                       Idade Media.

 

Agardamos que vos sexas de axuda por se andades a agarda un fillo, un irmán, un neto, un curmán… E se non vos convencen podedes procurar outros nomes galegos en http://www.amesanl.org/gl/nomeseapelidos/nomes .

Unha aparta melendreques.

Noticias da Mesa pola Normalización.

Abril 16, 2012

Asembleas da Mesa esta semana en Ferrol e Deza

En Ferrol será a cuarta feira (mércores) 18 de abril ás 20 horas no local da Sociedade Cultural Medulio

No Deza convócase plenario comarcal de Queremos Galego a quinta feira (xoves) 19 de abril ás 20 horas no IES Pintor Laxeiro de Lalín

Esta semana celébrase asemblea de zona da Mesa en Ferrol, á que están formalmente convocadas/os todas e todos os socios da entidade na comarca. Así mesmo, e como sempre, a xuntanza está aberta á participación de todas aquelas persoas que, aínda sen seren socias da Mesa, estean interesadas nas nosas actividades e dispostas a colaborar connosco.

A asemblea terá lugar esta cuarta feira (mércores) 18 de abril ás 20 horas no local da Sociedade Cultural Medulio (Porta Nova ou Praza de España, 34 – 3º andar, edificio de Caixa Galiza).

Por outra parte, a quinta feira (xoves) 19 de abril ás 20 horas en 1ª convocatoria (20.30 horas en 2ª) terá lugar un plenario comarcal da plataforma cidadá Queremos Galego da comarca do Deza. Será no Salón de Actos do IES Pintor Laxeiro de Lalín. A xuntanza, que terá por obxectivo principal comezar a activar a campaña que se desenvolverá na zona con motivo da manifestación nacional do vindeiro 17 de maio, ten carácter aberto.

http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/211

“Si haces la prueba en gallego no te la corregimos”

Eis a advertencia do tribunal do proceso de selección de bolsas para o departamento de Turismo do Concello de Redondela a unha aspirante que se dispuña a facer o exame no idioma propio de Galiza

A afectada, que puxo o seu caso en coñecemento da Mesa a través da Liña do Galego, xa presentou un escrito de reclamación no rexistro municipal redondelán

A Mesa considera o caso un “moi grave exemplo” de vulneración de dereitos lingüísticos no acceso a un posto de traballo e exixe ao consistorio que “rectifique” e á Xunta que “tome cartas no asunto”

A Mesa denuncia o “gravísimo caso” de vulneración de dereitos lingüísticos acontecido durante o proceso de selección para a provisión de varias bolsas de traballo na área de Turismo do Concello de Redondela, no cal se chegou ao extremo de o tribunal advertir a unha das candidatas, Natalia Soliño Figueroa, que non sería avaliada “se facía a proba en galego”. Deste tribunal facía parte un técnico do Padroado de Turismo das Rías Baixas, dependente da Deputación de Pontevedra, que foi quen ao parecer fixo a “advertencia”.

A asociación en defensa da lingua coñeceu este caso a través da chamada da propia afectada á Liña do Galego, o servizo de atendemento e consulta sobre dereitos lingüísticos que A Mesa pon ao dispor de toda a cidadanía a través de correo electrónico (linhadogalego@amesanl.org) e da liña telefónica 902 106 474.

A afectada xa presentou un escrito de reclamación no propio Rexistro do concello redondelán contra o que considera unha evidente “discriminación”. A aspirante ás bolsas indica que “en ningún punto” das bases da convocatoria se especificaba que fose “obrigatorio usar o castelán” ou que estivese prohibido “expresarse na lingua propia de Galiza” para optar a un traballo “nun concello que, obviamente, está en Galiza”.

A Mesa demándalle ao Concello de Redondela unha “contundente investigación” dos feitos denunciados e porá de inmediato o caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da Dirección xeral da Administración Local e da Secretaría xeral de Política Lingüística para que “actúen” e fagan ao consistorio redondelán “cumprir a lei”. A entidade recorda que é o propio artigo 5 do Estatuto de autonomía o que prohibe calquera tipo de discriminación por razón de lingua.

A maior asociación cultural de Galiza lamenta, por último, que polo momento as únicas declaracións públicas dos responsábeis municipais, nomeadamente do concelleiro Alberto Pazos e do propio alcalde, Javier Bas, fosen só para negar a versión da afectada e “exculpar” así os membros do tribunal do proceso selectivo. “Se o Concello sabe que se ‘meteu a zoca’ no asunto e hai unha presunta ilegalidade, o que debe facer é rectificar, non ocultar a realidade”, conclúe A Mesa.

http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/205

Concentración de apoio á rapaza afectada pola discriminación lingüística en Redondela

A terza feira (martes) 17 de abril ás 11.45 h, hora en que esta persoa acudirá ao Concello a ratificar a denuncia.

Podes consultar e divulgar o evento en facebook desta concentración simbólica.

Nun proceso de selección de bolsas de traballo no Concello de Redondela, hai escasos días, unha muller recibiu a advertencia dun membro do tribunal: “Si haces la prueba en gallego no te la corregimos”.

Ademais dunha grave discriminación, denegar a posibilidade de utilizar o galego é ilegal. Que aconteza nun Concello xa é vergoñento.

Tanto a persoa afectada como A Mesa pola Normalización Lingüística presentaron escritos reclamando unha investigación do acontecido.

Agora, a muller a quen se lle impediu usar o galego, so ameaza de non valoraren a súa proba, está chamada a acudir perante o tribunal e ratificarse. Será o vindeiro 17 de abril ás 11.45 h no Concello de Redondela.

A Mesa convoca por iso unha concentración para esa hora e lugar.

Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/207

Botádelle tamén unha ollada a:

http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/212

http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/203

 

 

Informádevos melendreques!

 

 

Parse error: syntax error, unexpected '<' in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/Dawntree/footer.php on line 2