Campaiñas trimbadoras

Dúas rapasas jallejas jallejas…

Archive for Xuño, 2012

(Quedou en) “Nove”, María Lado.

Xuño 21, 2012

así doe novembro
así doen as moas apretadas contra ti, coma un barco,
unha traxedia para un pobo,
ou o recordo dun membro fantasma. doe
porque non te das ido aínda que marcharas,
e non hai bálsamos para o baleiro dun amputado.
nin sequera doses xustificadas de codeína
contestan as miñas mensaxes.
nunca preguntas.
por min. nunca preguntas por min.
así doe a praia na que nos coñecemos.
toda ela cábeme espesa nos petos do abrigo
e entérranse as mans entre as cunchiñas, facéndome cortes.
sabes que sangro polas mañáns?
pequenos cortes invisibles que deixou todo o que vén despois da marea.
así doe novembro,
e máis.
inmenso.
onde o mar rompe contra as rochas
novembro doe inmenso.
ali é onde máis manca
que non che sexa
nin sequera un recordo.

 

Este poema pertence ao poemario de María Lado: “Nove”, que nun principio ía ser chamado “Novembro” pero quedou pola metade en nove. Como a poetisa o define un endemoniado libro dos seus desvelos nas noites do verán pasado.

É un poema que fala do desacougo de habitar un país como unha que navega ao lombo dun cetáceo ferido.

En canto ao meu parecer neste poema María Lado fala de Novembro. O mes no que comeza o outono e a rutina do traballo e olvidarse do verán. Un verán cargado para ela de momentos felices que viviu co seu amor. Mais xa non está. Quedou soa. Novembro doe porque xa non hai compaña, nin días soleados para disfrutar da praia. A marea leva consigo todo e mais. Acaba cos pobos e fai feridas case invisibles pero dolorosas. O mar é violento.

Neste poema apreciamos unha expresión moi apaixonada. Algo para sentir e non para buscar significado. Non atopamos adornos o que fai que sexa directo pero sen chegar ao vulgar. Percíbese que as palabras agochan o seu mundo.

Todos a través do que dicimos agochamos parte da nosa vida. Tamén o mes de novembro é feo. O verán xa quedou demasiado lonxe, e os amores vánse, como o fai o bo tempo que nos levanta o ánimo. Os recordos marchan da memoria… xa non os damos recuperado. Queremos que pase dunha vez ou que non pase nunca. Algo se estanca en novembro. Tal vez sexa o comezo do inverno. O frío, que arrepía os corazóns. Fainos de pedra, sen sentimento.

As feridas, os cortes son profundos. Doen cando intentamos lembrar algo bo, e por un intre sentímonos mal. Mal,  por non poder dar marcha atrás no tempo. Mal, por non conseguir que as personas ás que quixemos nos lembren. Mal, porque xa é novembro.

O país da memoria, María do Cebreiro.

Xuño 21, 2012

O país da memoria

República das almas

que marcharon

coa cabeza ben alta

ao pé das nosas mans.

A vida tamén

sabe de fronteiras.

Pero os mortos non viven

porque nós os lembremos,

non viven nin no fume

nin nas urnas

nin na madeira podre

nin no cal das paredes

nin no amor.

Viven en por si

e xúlgannos

e non ditan

o noso pensamento,

senón os nosos actos.

 

Este poema pertence ao libro Non son de aquí de María do Cebreiro e esta adicado a seu avó.

O poema centrase na gran pregunta que sempre se fixo o ser humano son: “a onde vamos? ”.

A onde vamos? A república das almas perdidas. Ao lar onde esas persoas, cuxas vidas xa se foron, van a parar logo de sair do noso mundo,vidas que nunca volveremos a ter entre nós. Ás veces esa persoa, á que se lle marcha a alma, é unha persoa moi querida para ti. Cando iso ocorre o normal é que mundo se che veña enriba, que non teñas ganas de nada máis que de que che volva a falar, que che volta dar un bico, mesmo a berrar, todo che lembra a ela e arrepínteste de non a haber tratado da maneira que ela o merecía.

Pero iso é imposible, sabes que iso nunca pasará e sénteste impotente. Esa persoa nunca espertará dese soño eterno. A vida tamén sabe de fronteiras. Fronteiras nas que ter papeis non vale de nada. Podes ser o rei do mundo que se pasas a fronteira xamais voltarás.

Esa persoa non voltará por moito que penses nela, por moito que o desexes. Os mortos, mortos están e o único que che queda por facer é pensar nos bos momentos que pasaches con eles. Non fai faia que lle merques flores, non fai falta que pagues para que estea ao carón dun “Deus”. Os mortos non viven porque nós os lembremos pero vale máis lembrarse de corazón deles, pensar nese bos momento, mesmo falar só pensado que esta el ao lado, ca todas esas sandeces que lle se lle soen facer a esas persoas que xa non están con nós.

As súas almas están alá, véndonos, xurgándonos. Controlando cada movemento que reproduce o noso corpo. Quizais é iso o que envidian, non voltar ter un corpo. Ou quizais están cheos de ledicia vivindo nun mundo no que “superficial” é só unha palabra dentro dun diccionario.

 

 

Lina Iglesias pérez.

Entrevista a MERCEDES SEIJO.

Xuño 17, 2012

 

Como vos dixemos temos máis entrevistas preparadas. Desta quenda tócalle a Mercedes Seijo, unha gran xornalista do noso concello gañadora do premio de Xornalismo Gastronómico do Galo de Curral. Sen máis demora aquí vos deixamos a entrevista.

-Bos días Mercedes. Como foi que te quixeches adicar ao xornalismo?

Primeiro grazas por pensar en min para ser a vosa entrevistada para o blog! Pois dende moi pequena sempre me gustou moito escribir…para o colexio facía moitísimas redaccións e tiña unha profe que sempre me felicitaba…quizais por aí comezou o gusanillo de querer estudar xornalismo.

-Cal foi a primeira vez que o concello de Vila de Cruces te chamou para presentar un dos seus eventos? Como reaccionaches?

A primeira vez foi para presentar o II Crucesarte, no ano 2009, foi unha inmensa alegría para min porque era o primeiro evento destas características que presentaba e porque que o meu concello se acordara de min para algo tan importante encheume de orgullo.

-Antes de traballar na TVG que outros traballos xornalísticos realizaches?

Mentres estudei a carreira realicei dous períodos de prácticas, o primeiro no 2005 no departamento de deportes da TVG. Foi o meu primeiro contacto co xornalismo audiovisual , ademais os deportes encántanme polo que foi unha gran experiencia. As segundas prácticas foron na Radio Galega nun programa musical que se emitía as fins de semana “Extrarradio” , aí coñecín o mundo da radio que é apaixoante e grazas a esas prácticas conseguín o meu primeiro traballo nesa mesma emisora radiofónica. O programa chamábase “As Quimbambas” e sempre o recordo como unha das mellores etapas da miña carreira profesional. Era un magazine que se emitía polas tardes , todo o equipo formaba unha gran familia e pasabámolo xenial traballando. A tódolos compañeiros daquela etapa téñolle especial cariño.

-O traballar no mundo do xornalismo abrangue coñecer persoas moi coñecidas a nivel galego. Cal foi a persoa xunto á que traballaches coa que che fixo maior ilusión?

Desa época da radio que vos comentei na anterior pregunta coñecín a un dos presentadores actuais do programa A Solaina da TVG, Sevi Martínez. Unha persoa que disfruta traballando e contaxia ós que están o seu redor. Compartín traballo con moitos profesionais da TVG e da Radio Galega e de todos aprendín algo, Carlos Amado, Xesús Peleteiro, Irene Lamas, Alberto Mancebo, Beatriz Manjón, Belén Regueira…e moitos máis que non son coñecidos porque non saen diante da pantalla pero que realizan moitísimo traballo por detrás…. é unha gran ilusión compartir traballo tódolos días con eles. Tamén foi moi bonito presentar xunto a David Amor unha das galas do concello de Vila de Cruces.

-Sabemos que colaboraches con varios programas da TVG, pero cal foi o que máis che aportou para a túa carreira?

Esa pregunta é moi difícil…jeje…non podería escoller…A Revista foi a miña primeira etapa na TVG e na que aprendín a realizar reportaxes, foi unha bonita etapa…no Bos Días Magazine presentei por primeira vez unha sección en directo.. e iso axudoume moito para agora realizar o traballo de reporteira…todos e cada un dos programas polos que pasei me aportaron algo para cada día realizar mellor o meu traballo.

-Temos escoitado que moitos traballadores da TVG utilizan o galego no traballo pero non o fan na rúa. É certo? Porque pensas que non se desenvolven na súa vida cotiá no noso idioma?

Non é así exactamente…hai de todo..presentadores que empregan o castelán na súa vida cotiá e outros que o fan en galego.. En xeral cada un emprega a lingua na que foi educado, os que seus pais lle falaron galego dende o berce seguen conservando ese idioma na súa vida cotiá.

-Gústache desenvolver o teu traballo en galego ou sénteste mellor en castelán?

Eu prefiro traballar en galego porque sempre o fixen así e porque é a miña lingua, e a que me falaron na miña casa dende que nacín. O galego é moi bonito e hai que defendelo para que sempre estea aí con nós e para que os nosos fillos o sigan falando.

-Que supuxo para ti recibir o premio de Xornalismo Gastronómico do Galo de Curral?

Unha gran sorpresa e un gran orgullo…Nunca pensei chegar a recibir un premio grazas o meu traballo e cando mo dixeron no mo podía crer.. Sempre intentei levar por diante o meu concello en cada un dos distintos traballos que tiven e que cho recoñezan é unha gran ilusión. Agradezo moitísimo os membros do xurado por lembrarse de min.

-Prefires traballar como presentadora ou como reporteira?

É difícil escoller as dúas son moi bonitas..pero agora mesmo son moi feliz na rúa traballando como reporteira. É un traballo moi gratificante, coñeces a infinidade de xente, moitas festas e moitísimos lugares fermosos por toda Galicia. Eu estou encantada!!

-Desexámosche todo o mellor e que che agarden infinidade de bos traballos e grandes recoñecementos xa que o teu despegue está sendo espectacular. Un bico e grazas por participar con nós.


Carlos Gende.

Xuño 15, 2012

O próximo venres 22 teremos a sorte de ter ao mesmo Carlos Gende no festival de fin de curso do IES Marco do Camballón. Sería unha boa idea facerlle unha entrevista pero hai falta de tempo e entre as entevistas que xa estamos a piches de colgar e os exames sentímolo pero outra vez será. De todos xeitos aquí vos deixamos unha entrevista que atopamos no youtube.

http://www.youtube.com/watch?v=bNRe02Jjl34

Recordarvos que o Clube da Lingua tamén esta a realizar un libriño chamado Lingua, Sexo e Rock&Roll,  recopilando textos tanto de alumnos, ex-alumno, profesorado ou xente recoñecida a nivel galego coma Belén Regueira ou O Leo i Arremecaghona. Este libriño poderédelo mercar no IES xunto ao CD deste ano.

 

A escoitar música galega melemdreques.

Entrevista a LETICIA REY.

Xuño 13, 2012

 

 

Melendreques, supoño que xa coñeceredes a Leticia Rey, unha marabillosa cantante do noso concello e alumna do IES Marco da Camballón. Aquí vos deixamos unha entrevista que nos concedeu a mesma Leticia Rey a campainhastrimbadoras.

-Antes de comezar felicitándote polo teu éxito, sobre todo aquí dentro do concello, imos introducir a entrevista con algo sobre ti. A que idade te deches de conta que podías ter madeira para a música?

A verdade e que nin sequera me lembro, porque comecei a cantar dende moi moi pequena, como aos tres anos ou así, aínda que falaba bastante mal e cantaba aínda peor, jajaja, e aos cinco empecei a cantar cancións fáciles e a descubrir que cada vez me gustaba máis facelo. Lembro que algunha vez cantaba diante dos amigos de meus pais e dicíanme que cantaba moi ben. E a raíz diso soñaba sempre con cantar con público

 -Na túa páxina de “Youtube” podemos atopar moitos dos teus traballos que ti mesma grabas na casa. Que foi o que che levou a decir: “veña vou compartir a miña voz co mundo”?

Un día, hai moito tempo, descubrín pola rede uns cantos vídeos de rapazas, feitos na casa, que facían versións de cancións, e eu quería facer o mesmo, pero non tiña cámara. Ese verán regaláronme un ordenador portátil que tiña unha cámara de moi mala calidade, pero para empezar ben valía. Subín os vídeos a youtube porque eu dende sempre tiven pánico escénico, e para min enfrentarme ao público era un reto moi difícil, pero por outra parte era o meu soño, así que os vídeos podía facelos na miña casa eu soa sen ningún tipo de presión, e así a xente podía escoitarme e darme a súa opinión.

-Témoste escoitado en castelán, en inglés e en galego. En que idioma te sentes máis cómoda?

Máis cómoda diante do público síntome en inglés, porque me sinto máis segura, supoño que é porque é no que máis cantei ata agora, aínda que tamén cantei en galego e en italiano, pero gustaríame superar esa barreira e espero conseguilo coa práctica. Con vistas ao futuro gustaríame moito probar algo en español (porque en público aínda non cantei en español), e en francés. Ademáis, dentro de pouco gustaríame comezar a engadir ao meu repertorio máis cancións en galego e castelán.

-Os teus perfís de internet móstrante ao mundo. Cres que che supoñerá trabas ser galega?

Trabas? Para nada. Se á xente lle gusta a música de alguén dubido moito que lle importe a súa nacionalidade. Eu sempre me sentirei moi orgullosa de ser galega chegue a onde chegue.

-Que sentiches a primeira vez que cantaches en directo?

Lémbrome á total perfección. Foi no Crucesarte do 30 de abril do 2011. Eu levaba bastante tempo nerviosa porque me costaba enfrentarme ao público. Eu sempre soñara con cantar diante da xente pero, no fondo, víao case imposible. Cando estaba detrás do escenario e me estaban presentando, eu estaba tan nerviosa que pensei ata en saír correndo. Pero entón lembrei que ese era o meu soño, e que se saía mal pois non pasaba nada, e que intentalo era o que tiña que facer. Entón oín o meu nome, e pensei ”ala, agora xa me presentaron, así que, que sexa o que Dios queira!”. E saín ao escenario, pechei os ollos, e cos nervios no estómago intentei facelo o mellor que puiden. Cantar ese día cambiou por completo a miña vida, e algo que ata aquel entón fora simplemente unha aficción máis, pasou a ser de repente a esencia da miña vida, algo polo que vivo cada día. 

-Sabemos que cantaches en numerosos acontecementos, como homenaxes, festivais, festas…e acompañada de artistas e personaxes públicos recoñecidos. Que supuxo que os organizadores de tales eventos quixesen contar coa túa colaboración?

Para min é un pracer cantar para este tipo de eventos. Ata agora traballei con xente moi profesional, e coñecín persoas moi agradables, e así da gusto facer as cousas. Eu sempre estou disposta a colaborar no que poida e facendo o que máis me gusta. 

-Xa sabes cal será a túa próxima actuación? Ou onde che gustaría que fose?

Pois aínda non teño moita idea, ándanse pensando un par de cousas, pero como aínda non hai nada seguro non podo dicir nada, jajaja. E gustar, a verdade dame igual, sempre que sexa para cantar eu son feliz.

-Xa para finalizar, queres adicarte profesionalmente a música e abrir portas neste mundillo?

Sí. Definitivamente sí. Querer quero facelo, que o consiga é un pouco máis difícil. Quédame moitísimo por aprender, e son moi nova, pero gustaríame adquirir unha boa técnica de canto e poder chegar a vivir do que máis me gusta, poder transmitir á xente o que eu sinto cando canto, que a xente sinta a música correr polas súas veas como eu o sinto nese instante.

Desexámosche moita sorte, que cumplas moito soños e poder verte pronto non só nos corredores do instituto, senón en grandes escenarios cantando para moita máis xente.

Moitas gracias polos ánimos, rapazas, e xa sabedes que se queredes algunha outra colaboración co voso blogue eu estarei encantada de facelo. 

Un bico!

😀

 

Parse error: syntax error, unexpected '<' in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/Dawntree/footer.php on line 2