Campaiñas trimbadoras

Dúas rapasas jallejas jallejas…

Entrevista a MERCEDES SEIJO.

Xuño 17, 2012

 

Como vos dixemos temos máis entrevistas preparadas. Desta quenda tócalle a Mercedes Seijo, unha gran xornalista do noso concello gañadora do premio de Xornalismo Gastronómico do Galo de Curral. Sen máis demora aquí vos deixamos a entrevista.

-Bos días Mercedes. Como foi que te quixeches adicar ao xornalismo?

Primeiro grazas por pensar en min para ser a vosa entrevistada para o blog! Pois dende moi pequena sempre me gustou moito escribir…para o colexio facía moitísimas redaccións e tiña unha profe que sempre me felicitaba…quizais por aí comezou o gusanillo de querer estudar xornalismo.

-Cal foi a primeira vez que o concello de Vila de Cruces te chamou para presentar un dos seus eventos? Como reaccionaches?

A primeira vez foi para presentar o II Crucesarte, no ano 2009, foi unha inmensa alegría para min porque era o primeiro evento destas características que presentaba e porque que o meu concello se acordara de min para algo tan importante encheume de orgullo.

-Antes de traballar na TVG que outros traballos xornalísticos realizaches?

Mentres estudei a carreira realicei dous períodos de prácticas, o primeiro no 2005 no departamento de deportes da TVG. Foi o meu primeiro contacto co xornalismo audiovisual , ademais os deportes encántanme polo que foi unha gran experiencia. As segundas prácticas foron na Radio Galega nun programa musical que se emitía as fins de semana “Extrarradio” , aí coñecín o mundo da radio que é apaixoante e grazas a esas prácticas conseguín o meu primeiro traballo nesa mesma emisora radiofónica. O programa chamábase “As Quimbambas” e sempre o recordo como unha das mellores etapas da miña carreira profesional. Era un magazine que se emitía polas tardes , todo o equipo formaba unha gran familia e pasabámolo xenial traballando. A tódolos compañeiros daquela etapa téñolle especial cariño.

-O traballar no mundo do xornalismo abrangue coñecer persoas moi coñecidas a nivel galego. Cal foi a persoa xunto á que traballaches coa que che fixo maior ilusión?

Desa época da radio que vos comentei na anterior pregunta coñecín a un dos presentadores actuais do programa A Solaina da TVG, Sevi Martínez. Unha persoa que disfruta traballando e contaxia ós que están o seu redor. Compartín traballo con moitos profesionais da TVG e da Radio Galega e de todos aprendín algo, Carlos Amado, Xesús Peleteiro, Irene Lamas, Alberto Mancebo, Beatriz Manjón, Belén Regueira…e moitos máis que non son coñecidos porque non saen diante da pantalla pero que realizan moitísimo traballo por detrás…. é unha gran ilusión compartir traballo tódolos días con eles. Tamén foi moi bonito presentar xunto a David Amor unha das galas do concello de Vila de Cruces.

-Sabemos que colaboraches con varios programas da TVG, pero cal foi o que máis che aportou para a túa carreira?

Esa pregunta é moi difícil…jeje…non podería escoller…A Revista foi a miña primeira etapa na TVG e na que aprendín a realizar reportaxes, foi unha bonita etapa…no Bos Días Magazine presentei por primeira vez unha sección en directo.. e iso axudoume moito para agora realizar o traballo de reporteira…todos e cada un dos programas polos que pasei me aportaron algo para cada día realizar mellor o meu traballo.

-Temos escoitado que moitos traballadores da TVG utilizan o galego no traballo pero non o fan na rúa. É certo? Porque pensas que non se desenvolven na súa vida cotiá no noso idioma?

Non é así exactamente…hai de todo..presentadores que empregan o castelán na súa vida cotiá e outros que o fan en galego.. En xeral cada un emprega a lingua na que foi educado, os que seus pais lle falaron galego dende o berce seguen conservando ese idioma na súa vida cotiá.

-Gústache desenvolver o teu traballo en galego ou sénteste mellor en castelán?

Eu prefiro traballar en galego porque sempre o fixen así e porque é a miña lingua, e a que me falaron na miña casa dende que nacín. O galego é moi bonito e hai que defendelo para que sempre estea aí con nós e para que os nosos fillos o sigan falando.

-Que supuxo para ti recibir o premio de Xornalismo Gastronómico do Galo de Curral?

Unha gran sorpresa e un gran orgullo…Nunca pensei chegar a recibir un premio grazas o meu traballo e cando mo dixeron no mo podía crer.. Sempre intentei levar por diante o meu concello en cada un dos distintos traballos que tiven e que cho recoñezan é unha gran ilusión. Agradezo moitísimo os membros do xurado por lembrarse de min.

-Prefires traballar como presentadora ou como reporteira?

É difícil escoller as dúas son moi bonitas..pero agora mesmo son moi feliz na rúa traballando como reporteira. É un traballo moi gratificante, coñeces a infinidade de xente, moitas festas e moitísimos lugares fermosos por toda Galicia. Eu estou encantada!!

-Desexámosche todo o mellor e que che agarden infinidade de bos traballos e grandes recoñecementos xa que o teu despegue está sendo espectacular. Un bico e grazas por participar con nós.


Os comentarios están pechados.

Parse error: syntax error, unexpected '<' in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/Dawntree/footer.php on line 2