Campaiñas trimbadoras

Dúas rapasas jallejas jallejas…

Entrevista a LETICIA REY.

Xuño 13, 2012

 

 

Melendreques, supoño que xa coñeceredes a Leticia Rey, unha marabillosa cantante do noso concello e alumna do IES Marco da Camballón. Aquí vos deixamos unha entrevista que nos concedeu a mesma Leticia Rey a campainhastrimbadoras.

-Antes de comezar felicitándote polo teu éxito, sobre todo aquí dentro do concello, imos introducir a entrevista con algo sobre ti. A que idade te deches de conta que podías ter madeira para a música?

A verdade e que nin sequera me lembro, porque comecei a cantar dende moi moi pequena, como aos tres anos ou así, aínda que falaba bastante mal e cantaba aínda peor, jajaja, e aos cinco empecei a cantar cancións fáciles e a descubrir que cada vez me gustaba máis facelo. Lembro que algunha vez cantaba diante dos amigos de meus pais e dicíanme que cantaba moi ben. E a raíz diso soñaba sempre con cantar con público

 -Na túa páxina de “Youtube” podemos atopar moitos dos teus traballos que ti mesma grabas na casa. Que foi o que che levou a decir: “veña vou compartir a miña voz co mundo”?

Un día, hai moito tempo, descubrín pola rede uns cantos vídeos de rapazas, feitos na casa, que facían versións de cancións, e eu quería facer o mesmo, pero non tiña cámara. Ese verán regaláronme un ordenador portátil que tiña unha cámara de moi mala calidade, pero para empezar ben valía. Subín os vídeos a youtube porque eu dende sempre tiven pánico escénico, e para min enfrentarme ao público era un reto moi difícil, pero por outra parte era o meu soño, así que os vídeos podía facelos na miña casa eu soa sen ningún tipo de presión, e así a xente podía escoitarme e darme a súa opinión.

-Témoste escoitado en castelán, en inglés e en galego. En que idioma te sentes máis cómoda?

Máis cómoda diante do público síntome en inglés, porque me sinto máis segura, supoño que é porque é no que máis cantei ata agora, aínda que tamén cantei en galego e en italiano, pero gustaríame superar esa barreira e espero conseguilo coa práctica. Con vistas ao futuro gustaríame moito probar algo en español (porque en público aínda non cantei en español), e en francés. Ademáis, dentro de pouco gustaríame comezar a engadir ao meu repertorio máis cancións en galego e castelán.

-Os teus perfís de internet móstrante ao mundo. Cres que che supoñerá trabas ser galega?

Trabas? Para nada. Se á xente lle gusta a música de alguén dubido moito que lle importe a súa nacionalidade. Eu sempre me sentirei moi orgullosa de ser galega chegue a onde chegue.

-Que sentiches a primeira vez que cantaches en directo?

Lémbrome á total perfección. Foi no Crucesarte do 30 de abril do 2011. Eu levaba bastante tempo nerviosa porque me costaba enfrentarme ao público. Eu sempre soñara con cantar diante da xente pero, no fondo, víao case imposible. Cando estaba detrás do escenario e me estaban presentando, eu estaba tan nerviosa que pensei ata en saír correndo. Pero entón lembrei que ese era o meu soño, e que se saía mal pois non pasaba nada, e que intentalo era o que tiña que facer. Entón oín o meu nome, e pensei ”ala, agora xa me presentaron, así que, que sexa o que Dios queira!”. E saín ao escenario, pechei os ollos, e cos nervios no estómago intentei facelo o mellor que puiden. Cantar ese día cambiou por completo a miña vida, e algo que ata aquel entón fora simplemente unha aficción máis, pasou a ser de repente a esencia da miña vida, algo polo que vivo cada día. 

-Sabemos que cantaches en numerosos acontecementos, como homenaxes, festivais, festas…e acompañada de artistas e personaxes públicos recoñecidos. Que supuxo que os organizadores de tales eventos quixesen contar coa túa colaboración?

Para min é un pracer cantar para este tipo de eventos. Ata agora traballei con xente moi profesional, e coñecín persoas moi agradables, e así da gusto facer as cousas. Eu sempre estou disposta a colaborar no que poida e facendo o que máis me gusta. 

-Xa sabes cal será a túa próxima actuación? Ou onde che gustaría que fose?

Pois aínda non teño moita idea, ándanse pensando un par de cousas, pero como aínda non hai nada seguro non podo dicir nada, jajaja. E gustar, a verdade dame igual, sempre que sexa para cantar eu son feliz.

-Xa para finalizar, queres adicarte profesionalmente a música e abrir portas neste mundillo?

Sí. Definitivamente sí. Querer quero facelo, que o consiga é un pouco máis difícil. Quédame moitísimo por aprender, e son moi nova, pero gustaríame adquirir unha boa técnica de canto e poder chegar a vivir do que máis me gusta, poder transmitir á xente o que eu sinto cando canto, que a xente sinta a música correr polas súas veas como eu o sinto nese instante.

Desexámosche moita sorte, que cumplas moito soños e poder verte pronto non só nos corredores do instituto, senón en grandes escenarios cantando para moita máis xente.

Moitas gracias polos ánimos, rapazas, e xa sabedes que se queredes algunha outra colaboración co voso blogue eu estarei encantada de facelo. 

Un bico!

😀

 

Os comentarios están pechados.

Parse error: syntax error, unexpected '<' in /var/www/bloga/wpmu/wp-content/themes/Dawntree/footer.php on line 2